sábado, 24 de septiembre de 2011

"Vacacións con Traballo" na Cámara Municipal do Paúl - Cabo Verde

O 27 de setembro viaxarei a Cabo Verde para desfrutar as miñas "Vacacións con Traballo" na Cámara Municipal do Paúl na illa de Santo Antao.
Cabo Verde ten unha superficie de 4.032 km2 e está localizado no punto máis occidental do continente africano, a 600 km de Senegal.
Son un total de 10 illas de configuración desértica, volcánica e tropical, divididas en dous distritos: as de Sotavento, situadas ao Sur (Santiago, Maio, Fogo e Brava), con capital en Praia; e as de Barlovento ao Norte (Santo Antao, Sao Vicente, Santa Luzía, Sao Nicolau, Sal e Boavista), con capital en Mindelo.
O clima é árido, con veráns quentes e secos. Son frecuentes as sequías, polo que resulta preocupante a escaseza de auga, afectando seriamente ás actividades agrícolas e gandeiras (só un 10% do solo está cultivado). Isto determina unha forte dependencia das importacións de alimentos, así como tamén  de hidrocarburos.


Santo Antao é a segunda illa maior do arquipélago en superficie e a terceira en poboación, con aproximadamente 40 km de extensión lonxitudinal e preto de 20 km de anchura. De orixe volcánico, Santo Antao é a illa máis setentrional e occidental de Cabo Verde e a máis afastada do continente africano. A canle de San Vicente sepáraa da illa máis próxima, a illa de San Vicente. Os seus principais asentamentos urbanos son a vila de Ribeira Grande, Porto Novo e Ponta do Sol.

O Paúl está situado na costa nordeste da illa de Santo Antao, entre a Ponta da Tumba e a Ponta de Saudade. A área total do municipio é de 54,3 km2.
O Municipio de Paúl ten un terreo moi accidentado e extremadamente montañoso. Só un terzo das terras son cultivables e un quinto dos terreos son adecuados para a construción. Estes factores son unha forte condicionante para o desenvolvemento da agricultura, dos procesos de urbanización e de infraestruturas en xeral.


Programa "Vacacións con Traballo" do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Que é o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade?
É unha asociación de carácter municipalista que engloba a varios Concellos e as 4 Deputacións de Galicia.
Foi fundado en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste modo de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do sur e facilitar unha maior sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Que é o programa “Vacacións con Traballo”? 
É un programa que promove o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que pemite a traballadoras e traballadores das Administracións locais e provinciais pasar un mes cooperando en países do Sur.

Para que "Vacacións con Traballo"?
- Para estreitar lazos entre os técnicos locais galegos e os técnicos locais dos países do Sur. Para intercambiar coñecementos e experiencias profesionais, para un mutuo fortalecemento e enriquecemento.
- Para implicar aos servidores e servidoras públicos en actividades que estimulen o seu compromiso solidario nunha cosmovisión máis completa da realidade do planeta. E para que a súa experiencia, á volta, sirva de estímulo a outras persoas.
- Para coñecer de primeira man os proxectos que o Fondo Galego ten apoiado e apoia no Sur.
- Para entrar en contacto con outras culturas.