viernes, 21 de octubre de 2011

Unha visita de obra moi especial

Todo comezou un día cando o arquitecto do gabinete técnico me preguntou se ao día seguinte estaba disposta a camiñar e eu respondinlle que si sen saber a onde era que íamos.
O punto de partida foi o cráter de Cova, unha caldeira volcánica, con forma circular, de 800 m de diámetro, cuxa parte inferior atópase actualmente a 1.100 m  de altitude e a súa envolvente a 1.265 m. Dende logo, un bo comezo a pesar de que non soubese que era o que estábamos facendo alí.

Panor ámica de Cova Cráter

Comezamos a subir ata chegar ao cumio da vertente nordeste da Cova, e isto foi o que me atopei.

Panorámica do Val de Paul.

A vertente nordeste da Cova descende dende os 1.200 m aos 630 m de altitude, uníndose coa Ribeira de Paul a través dun extenso túnel de lava. Nesta localización era onde se atopaba a obra que íamos visitar, a reparación do camiño que une Cova Cráter con Cabo de Ribeira. Poderédesvos imaxinar todas as dificultades que existen ao facer calquera pequena intervención neste lugar.

Imaxes do camiño de Cova Cráter a Cabo de Ribeira obxecto de intervención


E para que quede constancia de que foi unha visita a obra e non un simple paseo, a continuación vos amoso unha imaxe da visita da dirección da obra.

miércoles, 5 de octubre de 2011

Visita ao Val de Paul cos técnicos do Gabinete Técnico da Cámara Municipal

O Val da Ribeira de Paul é un espazo con gran valor paisaxístico que se localiza ao norte do municipio, comeza en Cabo de Ribeira e vai de sudeste a nordeste, desaugando no Océano Atlántico na Cidade das Pombas.




Ao longo do camiño atopamos exemplos de edificacións tradicionais, consistentes en un ou máis volumes en forma de L, U ou en paralelo, con muros exteriores de pedra local e cuberta inclinada a dúas augas de palla. Aparece illada ou en pequenos grupos situados con frecuencia en lugares pouco accesibles, nas inmediacións de parcelas agrícolas, posuíndo un alto valor paisaxístico e de identidade cultural.




Atopamos tamén outra tipoloxía coñecida como “Sobrados”. Está composta por un volume prismático recto de planta rectangular, con muros exteriores de pedra, estrutura de piso e de cuberta de madeira e cuberta inclinada a catro augas de tella. Esta tipoloxía normalmente ten dous pisos e o corpo principal aparece case sempre diferenciado dos anexos. A imaxe representa a variante rural dos sobrados, que se implantan con forma de L, definindo un patio central ou lateral onde se localiza a industria (trapiches e alambiques) de produción de grogue (augardente feita coa cana de azúcar).


A agricultura practícase tanto na base do val coma por medio de socalcos e está formada por un sistema de canles de augas que regan os espazos agrícolas.






lunes, 3 de octubre de 2011

A Cidade das Pombas en Paul, o meu lugar de traballo durante este mes

 A estatua de Santo Antao preside a vila e dende aquí arriba podemos facernos á idea de como é a cidade.

A Cidade das Pombas, coma moitos outros núcleos da illa de Santo Antao é un territorio marcado polo contacto directo co Océano Atlántico e as ribeiras de desembocadura dos vales.

A Cidade das Pombas está constituída polo núcleo histórico e os núcleos máis ou menos consolidados (Passo e Paul de Baixo), separados polo leito da ribeira de Paul e ligados por unha ponte que posibilita a comunicación entre eles.

Panorámica da Cidade das Pombas

Panorámica da Cidade das Pombas

A cidade se organiza a partir de dúas vías concorrentes, unha estreita masa edificada case continua aos lados destas vías e parcelas agrícolas que non foron alteradas significativamente, sobresaíndo entre as novas construcións. Estes terreos agrícolas están fortemente implantados debido á abundancia de auga, á calidade dos terreos e á pouca presión urbana.
Entorno do concello
Praza do concello
Entorno da igrexa
Praza da igrexa

A viaxe en imaxes

Saíndo de Oporto

Saíndo de Lisboa

Deixando a Península rumbo ás illas de Cabo Verde

Sobrevoando Porto Novo na Illa de Santo Antao

Aterrando na Illa de San Vicente

En taxi dirección Mindelo

O cansancio acumulado despois dunha longa viaxe e as ganas de chegar a Paul, fixeron que esquecera fotografiar a viaxe en ferry de Mindelo (Illa de San Vicente) a Porto Novo (Illa de San Antao).