miércoles, 5 de octubre de 2011

Visita ao Val de Paul cos técnicos do Gabinete Técnico da Cámara Municipal

O Val da Ribeira de Paul é un espazo con gran valor paisaxístico que se localiza ao norte do municipio, comeza en Cabo de Ribeira e vai de sudeste a nordeste, desaugando no Océano Atlántico na Cidade das Pombas.




Ao longo do camiño atopamos exemplos de edificacións tradicionais, consistentes en un ou máis volumes en forma de L, U ou en paralelo, con muros exteriores de pedra local e cuberta inclinada a dúas augas de palla. Aparece illada ou en pequenos grupos situados con frecuencia en lugares pouco accesibles, nas inmediacións de parcelas agrícolas, posuíndo un alto valor paisaxístico e de identidade cultural.




Atopamos tamén outra tipoloxía coñecida como “Sobrados”. Está composta por un volume prismático recto de planta rectangular, con muros exteriores de pedra, estrutura de piso e de cuberta de madeira e cuberta inclinada a catro augas de tella. Esta tipoloxía normalmente ten dous pisos e o corpo principal aparece case sempre diferenciado dos anexos. A imaxe representa a variante rural dos sobrados, que se implantan con forma de L, definindo un patio central ou lateral onde se localiza a industria (trapiches e alambiques) de produción de grogue (augardente feita coa cana de azúcar).


A agricultura practícase tanto na base do val coma por medio de socalcos e está formada por un sistema de canles de augas que regan os espazos agrícolas.






1 comentario:

  1. Moi chula a entrada, e as fotos impresionantes! ... á volta xa nos podes dar unha charliña e explicar todo en detalle, sobre todo os sistemas de producción, así que entérate ben de todo! Polo resto xa me dixeron que tiveras algún problemiña coas comunicacións, espero que esté todo xa ben! Ánimo!

    ResponderEliminar